Xa vos contei por aquí unha historia de barcos, que fala das cousas que nos trae o mar, e as crebas son desas cousas. Obxectos que andan á deriva, e que chegan ás nosas costas, e que a xente da costa, como bos superviventes que sempre foron, sempre souberon aproveitar.
Hai centos de historias en toda a costa que falan das crebas, podedes ver moitas máis enredando no blog de mimadriña, eu mesmo vivín con ela unha desas historias cando atopamos a praia das latas do casón, e ata se fixo unha película sobre ese tema. Mesmo o pau que acompaña ó calendario deste ano é unha creba!
E se hai un lugar especial para isto das crebas ese é a praia de Rostro, en Sardiñeiro. Chegas e ves un lugar inmenso e que a primeira vista parece baleiro, pero andas, miras ó teu redor e atopas de todo. E que Rostro é como a vida mesma: inmensa e chea de cousas por descubrir.