CasAberta

Nos últimos meses fun xa dúas veces a Porto, e unha das cousas que máis me chamou a atención foron certas tendas con moito encanto que saben aproveitar o bo das cousas de sempre dándolle un toque actual. Na miña etapa vivindo e viaxando por diferentes lugares por Europa adiante xa empezara a apreciar ese tipo de locais con sabor propio, que aquí, por ese mal costume de tirar todo o vello cando se fai unha reforma tanto escasean.

Pois ben, CasAberta, en Celanova, e unha desas excepcións que nos fan ter esperanzas de que é posible facer no noso país as cousas con bo gusto e criterio. Un día de setembro paseando pola rúa San Roque, chegando á praza das Pitas atopeime un local en reformas no que estaban a traballar tres mulleres, quedei impresionado polo local, unha antiga tenda de tecidos, co seu piso e estantes orixinais, todo en madeira e todo fermosísimo. Voltei algún tempo despois co local xa funcionando, e cando paso por Celanova sigo voltando.

Ademais esas tres mulleres que en setembro estaban a traballar con tanto mimo as madeiras vellas que outros tirarían sen dubidar, Ana, Beti e Berta, son quenes siguen traballando a diario nesta casa, e atenden sempre cun sorriso. Da gusto cando entras nun sitio no que se percibe que as cousas se fan con amor.