Gústanme certos obxectos antigos, ben pola súa estética, pero sobre todo polo seu espírito, pois por un lado son unha creación humana, e nós de algún xeito lle damos certa personalidade ás nosas obras, e por outro lado eses obxectos representan ou no seu tempo representaron algo especial para os seus propietarios, déronlle servizo e seguramente acompañáronos en moitos momentos.
Gústame poñer a funcionar vellos trebellos, que se resisten a deixar de traballar pese ó paso do tempo. Hai algo de máxico por exemplo na vella máquina de coser que pese a ter máis de 110 anos sigue a facer a súa función, ou na cámara de fotos que sigue sacando fotos de gran calidade despóis de 40 anos, ou no automóbil que a pesar dos anos e de ter feito quilómetros como para dar a volta ó mundo varias veces sigue acendendo á primeira e levantando miradas de admiración pola rúa.
A min, que sempre digo que non son materialista gústanme certos obxectos que dalgunha maneira son imperecedoiros, ou que como lle pasou ó fermoso triciclo que aparece na última foto, estivo anos e anos nalgunha tenda sen que ninguén o levase, ata que un neno grande o viu nunha feira de antigüidades e namorou del, e velahí que xa chegou á fin do mundo!