Animais soltos

Da gusto ver os animais soltos, ó seu aire, e pola contra provócame certa tristura velos enxaulados, atados ou perpetuamente estabulados.

Aínda que non son vexetariano, creo na dignidade dos animais, e estou convencido que os alimentos procedentes daqueles que viven en mellores condicións teñen que ser máis saudables e saborosos.

Nas aldeas, a presenza de animais é indicativo de que hai vida: as vacas pacendo nos prados, os burros, as pitas ceibas, cans e gatos convivindo moi ó seu pesar…todo forma parte dese microcosmos que é unha aldea e mesmo aportan a diario os seus sons, os seu cheiros: signos inconfundibles da súa presenza.